mércores, 25 de marzo de 2015

Proposta do BNG para evitar accidentes na autovía impedindo a entrada de fauna salvaxe

Ante o alarmante aumento de accidentes na autovía ao seu paso por Outeiro de Rei debido a esta causa

O BNG DEFENDE UNHA MOCIÓN PARA A ADOPCIÓN DE MEDIDAS QUE IMPIDAN A ENTRADA DE FAUNA SALVAXE NA AUTOVÍA E ASÍ EVITAR A MULTITUDE DE ACCIDENTES QUE SE ESTÁN A PRODUCIR


Nos derradeiros tempos constatouse un alarmante aumento de accidentes motivados por entradas de xabarís na “autovía do noroeste” ao seu paso polo concello de Outeiro de Rei. Ditos accidentes concéntrase especialmente no punto de confluencia da mencionada autovía coa estrada que conduce dende o noso concello en dirección á vila de Castro de Ribeiras de Lea.

As características estruturais propias desta vía, carente de “corredores” ou “pasos” para fauna salvaxe e dotada duns valados laterais que impiden teoricamente o acceso a todo tipo de animais, multiplican o perigo e a gravidade das consecuencias dos accidentes. Mais, tendo en conta que os vehículos circulan por ela a altas velocidades e os animais, unha vez dentro da mesma, non atopan doadamente saída desprazándose polo seu interior ao longo de varios quilómetros.

O medre do número de exemplares de xabarís apreciado na actualidade contribúe ao aumento dos mencionados casos que estatisticamente apuntan este lugar como un dos máis perigosos dentro do trazado da mencionada autovía.

Por todo iso, o BNG presentou á aprobación do Pleno unha resolución orientada a solicitar do Ministerio de Fomento a adopción urxente das medidas precisas encamiñadas a solucionar a grave situación que afecta aos condutores/as que circulan pola mencionada autovía do noroeste, particularmente dentro do territorio do concello de Outeiro de Rei, deseñando novas solucións e mesmo revisando e reforzando as existentes de cara a impedir a entrada de fauna salvaxe nos carrís de circulación que posúe a citada autovía, evitando de tal modo o desproporcionado número de accidentes por atropelo de animais que nesta vía se producen.

 O Alcalde converteu a moción en rogo e votou a favor. Estaremos vixiantes do seu cumprimento e informaremos a cidadanía se o fai ou non.

https://www.dropbox.com/s/8lgdnaua42mcc7r/Moci%C3%B3n%20retirada%20EVITAR%20ENTRADA%20FAUNA%20AUTOV%C3%8DA.pdf?dl=0
Descargar moción orixinal