martes, 14 de abril de 2015

O BNG solicita o arranxo da estrada entre Outeiro e a Ponte Vella do Miño



PROPOSICIÓN RELATIVA A SOLICITAR AO MINISTERIO DE FOMENTO O ARREGLO DO TRAMO DE ESTRADA QUE VAI ENTRE A N-VI EN OUTEIRO DE REI E A PONTE VELLA SOBRE O RÍO MIÑO QUE UNE SANTA MARIÑA CON RÁBADE



Para o BNG resulta impresentable que o alcalde de Outeiro non teña solucionado este problema que levamos sufrindo todas e todos os veciños dende fai xa moitos anos. Anteriormente a culpa era dos do outro partido que no querían arranxalo, agora están os do seu mesmo partido e seguen sen arranxalo. A incompetencia sempre ten que ter algunha desculpa.

 

Dende a construción da ponte nova sobre o río Miño fai xa varias décadas, co conseguinte desvío da N-VI, o tramo de estrada que vai dende o novo recorrido desta estrada ata a denominada Ponte Vella sobre o río Miño entre Santa Mariña e Rábade sufriu un abandono continuo, estando dende sempre nunhas condicións totalmente deplorables e sendo sempre bastante dificultosa a circulación de vehículos por esa zona. 

O Ministerio de Fomento, titular desta estrada, considerou historicamente este camiño como en desuso, non sendo consciente de que aínda que o seu tráfico pasou a ser moito menor polo desvío da estrada principal, segue a ser moi utilizada por moitas veciñas e veciños da zona para a comunicación con Rábade ou coas parroquias que atravesa a estrada que vai a Castro de Ribeiras do Lea e que sae dende a Fonte da Pinguela (Santa Mariña, Cela, Matela, Taboi, Castelo, Folgueira, etc.).

Ademais disto, este tramo é unha das portas de entrada ao concello e está situado nunha paraxe dun valor natural inconmensurable, non sendo acorde este impresionante espazo natural co estado da estrada. A estética da entrada a un concello é a primeira imaxe que calquera visitante vai ter e sempre é importante para percepción que lle vai quedar desa localidade, máxime cando esta estrada leva directamente a unha ponte do século XIV que historicamente tivo unha importancia vital para a vida da comarca.

Todo o anterior, por utilidade práctica e por estética, fai que non se entenda o estado de abandono que ten este tramo de estrada e por todo iso o Bloque Nacionalista Galego de Outeiro de Rei SOLICITA no Pleno do concello de Outeiro de Rei correspondente ao mes de abril que SE TOME O ACORDO de dirixirse de xeito inmediato ao Ministerio de Fomento para que proceda ao arranxo do tramo existente entre a N-VI e a Ponte Vella do río Miño que une a parroquia de Santa Mariña con Rábade, solucionando os problemas de firme da calzada e facendo os traballos necesarios de acondicionamento do contorno para que sexa acorde co lugar onde está situada.

Do mesmo xeito, o BNG de Outeiro e de Rábade dirixíronse ás deputadas do BNG en Madrid para que inicien os trámites necesarios para levar ao Congreso do Deputados do Estado unha proposición para solucionar os problemas de firme desta estrada dunha forma definitiva.

Darémosvos a información puntualmente segundo vaian avanzado os trámites.

Enlace á copia da moción presentada