O patrimonio da auga (I)

A PORTADA DA INSUA DO MAIORDOMO
 
 Chega o Miño ás terras de Outeiro pola parroquia de San Pedro de Taboi. Aquí atopamos a Agra do Porto Vello, tomando nome dun paso doado de pouca fondura (eso mesmo significa neste caso a palabra “porto”) situado por enriba do Caneiro do Santo da Acea. Máis abaixo os Muíños de Guevara onde comeza a coñecida Insua do Maiordomo que chega até a Ponte Nova, unha estrutura de formigón que permite cruzar ás terras do veciño concello de Cospeito. 

Para acceder á insua é preciso salvar a parte do río que a circunda, pola banda da mencionada parroquia, utilizando un pequeno portelo alí existente ou ben por riba dunha interesante pontella de madeira que conta cunha impresionante portada de acceso a cal impedía ou facilitaba o paso á citada insua. A base desta pontella está feita de táboas encravadas en trabes que á súa vez pousaban enriba de muros de pedra pizarra que asentaban no fondo do río. Máis concretamente un situado a cada beira da corrente e outro no centro da mesma.

A portada propiamente ergue na banda esquerda impedindo o acceso á pontella para o cal conta cuns muros que entran na auga e terman ao mesmo tempo dunha armazón feita de madeira e dunha cuberta de lousa que prestaba acubillo, en caso de ser preciso, tanto a persoas como a facendas. A utilidade desta estrutura tería súa razón de ser principalmente en época de enchentes, cando non era posíbel utilizar o porto natural, ampliando o período de utilización do circundo que comprende a insua que falamos. 

Un interesante elemento dentro do extraordinario patrimonio relacionado coa auga, existente no concello, que se fai preciso conservar e protexer.