Quen paga o panfleto do PP que manda o Concello ás casas?



ARCADIO LOMBAO ROMAN, como portavoz do Grupo Municipal do BNG, no Concello de Outeiro de Rei, ao abeiro da lexislación vixente, presenta as seguintes preguntas, para a súa resposta por parte da Alcaldía.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

O señor Alcalde de Outeiro de Rei ten por costume mandar cada certo tempo a cada casa do concello un pasquín, chamado "revista de información municipal", editado a todo color co relato dunha xestión municipal "idílica" e de "conto de fadas" e onde se agachan de xeito descarado os problemas que atenazan á poboación de Outeiro de Rei, como poden ser o desemprego, a marcha da nosa mocidade, a corrupción, os desastres urbanísticos, a mala calidade dos servizos municipais, a falta de planificación de futuro para o concello, etc.

Nuns tempos como estes, onde hai tanta xente sufrindo por non ter o máis mínimo para levar unha vida digna, a dilapidación de cartos públicos co único obxectivo de "chufar" unha inexistente xestión e de facer propaganda a un responsábel político e a un partido que son precisamente os culpábeis dese sufrimento, é completamente inaceptábel e representan unhas prácticas que deben ser desterradas.

PREGUNTAS:


  1. De onde saen os cartos para pagar a redacción, edición, impresión e distribución do panfleto chamado "Outeiro de Rei, Revista de Información Municipal" e que o concello manda a todos os domicilios cada certo tempo?
  2. No caso en que este panfleto sexa pagado con cartos públicos:

  • A canto ascende o custe de todas os traballos relatadas na primeira pregunta e realcionados co envío desta "publicación"?
  • Cando o Partido Popular ou o señor Alcalde van reintegrar ás arcas públicas todos os cartos gastados nestas publicacións nos últimos anos?